[Galiza] Contra os novos recortes propostos por Wert

O pasado 13 de setembro saia en todos os medios a nova proposta educativa do noso benquerido ministro de educación, José Ignacio Wert: unha serie de medidas que non poden designarse máis que de contrarreforma e de imposición ideolóxica, á medida do Partido Popular. No día de hoxe, o Consello de Ministros acaba de aprobar o anteproxecto desta reforma educativa.

Esta proposta é un novo intento de restar competencias ás autonomías, xa que ata o 75% dos contidos das materias virán impostos dende o goberno central. Dende a Liga Estudantil Galega opómonos a esta medida, posto que defendemos unha educación galega ao servizo do noso país, que teñan uns contidos que se adecúen a nosa realidade e permitan formar estudantes que melloren a nosa sociedade, non o que decidan dende Madrid ministros que nin coñecen a nosa historia nin as nosas problemáticas concretas.

Esta «contrarreforma» non é máis que un paso atrás na busca dunha España dirixida dende Madrid a imaxe e semellanza do Partido Popular, como se pode apreciar nas modificacións daqueles aspectos máis polémicos, xa descafeinados co anterior goberno, de materias como «Educación Cívica e Constitucional» (antes denominada Educación para a cidadanía) ou a blindaxe das subvencións que reciben os centros que segregan as súas alumnas por sexo.

Este proposta segue na liña de afirmar que hai demasiadas estudantes e que non todas merecemos chegar á universidade. Pretenden reforzar unha educación que basea as probas de avaliación nun raseiro para desbotar as «malas estudantes», e non para tratar de suplir e mellorar as súas deficiencias, como se aprecia no entramado de exames de avaliación de competencias e reválidas que se van implantar. Cada cambio de nivel educativo estará sometido a estas probas, e na maior parte dos casos a non superación suporá non poder avanzar nos estudos.

Por exemplo, ao remate de 6º de primaria haberá uns exames globais para a avaliación de competencias. Unhas probas que non contarán para nada, só para que as rapazas de 11 anos se vexan obrigadas a memorizar libros enteiros sen que isto sexa vinculante ao seu paso á educación secundaria. Dende logo, algo moito máis importante que tratar de reducir as ratios de estudante/profesora para permitir que as docentes poidan realizar clases máis dinámicas e personalizadas ou favorecer a participación das estudantes.

No tocante á educación secundaria, se o profesorado así o considera, pode proporlle ás nais e pais que a súa filla non remate a ESO e se desvíe cara Formación Profesional Básica, quedando sen graduado e sen poder acceder ao FP de grao medio. As alumnas terán que decantarse xa con 15 anos entre un FP ou continuar cara o bacharelato, escollendo entre vías diferenciadas, pero o acceso a estes estará suxeito a unha reválida ao finalizar a ESO.

O bacharelato verá reducidas a 5 as diferentes vías e aumentadas as esixencias para acadar o certificado académico. Será obrigatorio a superación dunha dobre avaliación (unha continua que contará o 60% e unha proba final do 40%) para poder obter o título. No caso de non superar a proba final, obterán un certificado para o acceso ao FP superior.

En resumo, un conxunto de medidas en consonancia aos recortes feitos ata o de agora para mermar a calidade do ensino público até destruílo mentres se fortalecen os centros concertados e privados, e para dificultar o acceso á educación ás estudantes. Sabemos que este decreto non será cuestionado dende o goberno da Xunta, que aplaude e venera todo o que chegue dende Madrid. Así, volve quedar nas nosas mans a defensa do que é noso, e non defraudaremos. Cada agresión por parte deles, terá unha resposta. Aínda na pasada semana a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concentrouse para amosar o seu rexeitamento as políticas do PP, É hora de organizarse para defender o ensino galego, público e de calidade. O 11 de outubro, o estudantado saímos á rúa para defender os nosos dereitos.

Publicado el septiembre 28, 2012 en Galiza, Noticias Locales y etiquetado en . Guarda el enlace permanente. 1 comentario.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: